Polonia paranoica, por Ignacio Ramonet

Este arigo foi publicado na portada do Le Monde Diplomatique deste mes. Aínda que o autor, Ignacio Ramonet, é galego, o artigo está orixinalmente escrito en español, polo que a compañeira Noemí e o compañeiro Duarte encargáronse de traducilo á nosa lingua. Pareceunos que é a nosa obriga denunciar as violacións dos dereitos individuais que se están a producir en Polonia, e quen mellor para facelo que un xenio do xornalismo como é Ignacio Ramonet. Esperamos que vos guste.

 

Polonia paranoica, por Ignacio Ramonet

 

Chámanas “leis de lustración”. É dicir, de purificación ritual, segundo o dicionario. O que, neste país onde o catolicismo está cravado á historia, non deixa de ter unha profunda significación de arrepentimento e penitencia. En virtude desta lei votada en outubro de 2006 e que entrou en vigor o pasado 15 de marzo, setecentos mil polacos terán que confesar se colaboraron cos comunistas de 1945 a 1989. Tódolos altos funcionarios, profesores, avogados, directores de escola e xornalistas nados antes de agosto de 1972 teñen tempo até o 15 de maio para confesa-lo seu pecado.

 

Todos teñen que encher un formulario e contestar á pregunta: “Colaborou vostede en segredo conscientemente cos antigos servizos de seguridade comunistas?”. Terán que entregalo ao seu superior xerárquico que o dirixirá ao Instituto da Memoria en Varsovia. Este Instituto verificará nos seus arquivos e entregará un certificado de “limpeza política”. No caso de que se probe a colaboración, os xornalistas que traballen en servizos públicos serán automaticamente despedidos. Quen se negue a responder, ou de quen se probe que mentiu, arríscase a unha pena de prohibición de exerce-la súa profesión durante dez anos.

 

Esta lei delirante, que escandaliza á Unión Europea, reduce por comparación ao maccarthismo de Estados Unidos da década de 1950 a un anticomunismo de afeccionados. Constitúe o principal dispositivo dunha furiosa caza de bruxas lanzada polas autoridades dende que en outubro de 2005 accedera ao poder en Polonia o presidente conservador Lech Kaczynski e o seu irmán xemelgo Jaroslaw como primeiro ministro.

 

Moitos polacos consideran que esta lei é contraria á Constitución, porque obriga aos cidadáns “a demostrar que non fixeron o que non fixeron”. Podería resultar invalidada polo Tribunal Constitucional que pronunciará o seu veredicto a comezos de maio.

 

A coalición de dereitas, católica e nacional, que goberna Polonia, composta por tres partidos: Lei e Xustiza (dos irmáns Kaczynski), Autodefensa (dos medios agrarios) e a Liga de Familias Polacas, aplica unha preocupante política de enérxico regreso á “orde moral”. Acorde có seu espírito, Roman Giertych, viceprimeiro ministro, ministro de Educación e xefe da Liga de Familias Polacas, ven de depositar un proxecto de lei homofóbica que suscitou outro alboroto internacional e as protestas de organismos de dereitos humanos. Segundo ese proxecto, que estaría listo nun mes, toda persoa que nun estabelecemento escolar ou universitario revele a súa condición de homosexual, “ou calquera outra desviación de índole sexual”, exporíase a unha multa, ao despido ou a unha pena de cárcere.

 

O pai do ministro, Maciej Giertych, deputado europeo da Liga de Familias, xa suscitara o pasado mes de febreiro unha tormenta de condenas despois de publicar un folleto antisemita, costeado polo Parlamento Europeo e có seu logo, onde se afirmaba por exemplo que “os xudeus crean eles mesmos os seus guetos”, e que “o antisemitismo non é racismo”.(2)

 

Estas decisións de purificación anticomunista, así como os intentos de regreso a unha orde moral autoritaria, ocultan, tanto en Polonia como en certa medida en Ucraína, Lituania e outro países do Este, unha sorte de repulsiva nostalxia do período de preguerra, cando o racismo se ostentaba descaradamente. Gañados polo revisionismo do ambiente, hai quen non dubida en glorifica-la colaboración có III Reich hitleriano contra a Unión Soviética, hoxe oficialmente desacreditada.

 

Sen dúbida neste espírito, valorando, como moito medios de comunicación, que a Rusia de Vladimir Putin non é máis que a prolongación encuberta da antiga URSS, Varsovia declarouse favorábel a instalar no seu territorio un escudo antimísiles concibido polo Pentágono para protexer a Estados Unidos. Sen dignarse a consultar cós seu socios da Unión Europea, nin sequera cós membros da OTAN.

 

O cal demostra que en política a paranoia pode non só levar á atrofia espiritual. Senón tamén a certo xeito de traizón.

Notas:

(1)  El País, Madrid, 20 de marzo de 2007

(2) Le Figaro, París, 17 de febreiro de 2007

Unha resposta


  1. […] Polonia paranoica […]

Deixa unha resposta

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image